Construíndo unha folla de ruta para o soberanismo do s. XXI

Os últimos anos foron de rearticulación, realiñamentos e redefinicións no campo do soberanismo galego. Houbo proxectos políticos que desapareceron, viraxes históricas, clarificacións e refundacións, todo isto no cadro dunha crise de réxime onde as estruturas estatais xa non son quen de consolidar a súa estabilidade como o fixeran nas décadas anteriores, e responden aos proxectos que o cuestionan con unha cada vez máis evidente ofensiva españolista e represiva.

Foi neste marco que o movemento nacional galego viviu a fase final dunha crise prolongada, cun debilitamento xeral e con rupturas que foron consecuencia fundamentalmente (mais non só) de diferenzas e contradicións insalvábeis de tipo político e ideolóxico, como se evidenciou xa abertamente na Asemblea Nacional do BNG en Amio no 2012. A pesar da estarmos xa ante unha aparente e lenta mudanza nesa tendencia, foi innegábel un retroceso -do cal o electoral foi só unha plasmación- que se viña prolongando durante anos, e que tivo entre unha das razóns principais a frustración e desmobilización resultante dunha longa fase de desnaturalización do proxecto nacionalista. Isto concretárase no seu momento na adopción progresiva dunha vía conciliadora que durante anos non superou o autonomismo e a pura xestión do existente, no distanciamento de diversos movementos sociais, en dinámicas internas moi viciadas, na verticalización organizativa e en xeral en tentativas, por sorte non plenamente consumadas, de homologación formal, orgánica e ideolóxica, coas forzas do sistema. Cando se comezou, aínda con moitas vacilacións, a reverter lentamente ese proceso, as contradicións e rupturas foron inevitábeis. Coincidindo con esa fase emerxeron tamén con forza e en diferentes fases diversos proxectos impulsados pola esquerda española en alianza con organizacións do país (procedentes do propio campo soberanista), especialmente a partir do nacemento do que se deu en chamar “nova política”. Estes proxectos oportunistas foron quen de medrar aproveitando boa parte das debilidades, erros e dificultades obxectivas do BNG, nadando a favor da corrente e reforzados polo marco estatal no inicio, e finalmente contribuíndo a unha maior desmobilización e frustración social que non facilita o avance de ningún proxecto transformador.

Porén, contra moitos pronósticos e neste contexto obxectivamente hostil, un proxecto soberanista, autocentrado e con importante implantación social e territorial como o que encarna BNG foi quen de resistir, sobrepóndose a todos os agoiros que prevían a súa inminente defunción se non se subía tamén ao carro impulsado pola esquerda española. Fíxoo, ademais, iniciando un proceso de renovación, relanzamento e clarificación, que a pesar das súas insuficiencias e mesmo contradicións, supuxo pasos adiante na súa lexitimación social como actor coherente en defensa dos dereitos nacionais e sociais.

Para aproveitar esa posición, non malbaratar o capital político logrado, e poder encarar esta nova fase con garantías e avanzar politicamente, é fundamental tomar consciencia dos erros do pasado para non repetilos, e analizar correctamente todo o camiño percorrido tanto polo BNG como polo conxunto das organizacións políticas e sociais do espazo nacionalista. Por iso, sería suicida negar que a maioría dos debates, conflitos e rupturas vividos no seo do soberanismo tiveron (e teñen) unha esencia fundamentalmente político-ideolóxica, e non se pode pretender obvialos ou reducilos só a problemas personalistas, de convivencia interna ou cotas de poder.

Para non malbaratar o capital político logrado, e poder encarar esta nova fase con garantías e avanzar politicamente, é fundamental tomar consciencia dos erros do pasado para non repetilos, e analizar correctamente todo o camiño percorrido tanto polo BNG como polo conxunto das organizacións políticas e sociais do espazo nacionalista.

Sen renunciar a reforzar e ampliar o proxecto o máximo posíbel, é imprescindíbel facelo sempre sobre bases firmes: partindo das leccións do pasado e con criterios firmes e claros sobre cal debe ser a folla de ruta a compartir.

Un punto de inflexión

Ningún debate pode hoxe obviar o papel central que a experiencia catalá ten á hora de definir os camiños, obxectivos, potencialidades e límites dunha estratexia independentista que, como tal, está en aberta confrontación co réxime español. Aínda con todas as particularidades e diferenzas de cada proceso e cada nación, hai ensinanzas e aprendizaxes que non poden ser obviadas.

Tanto o salto cualitativo do soberanismo catalán culminados os días 1 e 3 de outubro de 2017 como a brutal resposta represiva do Estado confirman que o principal vector de ruptura co réxime español é a construción de repúblicas soberanas con procesos de independencia que contribúan para a caída do mesmo. A situación en Catalunya verificou tamén que calquera outra vía a percorrer é un camiño sen saída, e mesmo que calquer posición que aspire a provocar un hipotético cenario de diálogo co estado só poderá facelo desde un avance unilateral que provoque tantos problemas e custes ao réxime que non lle deixe mais saída que negociar.

O proceso catalán marca pois un punto de inflexión innegábel para calquer movemento que, como o noso, queira facer frente ao réxime do 78. Primeiramente constata que neste momento histórico son os movementos soberanistas a principal ameaza e factor de desestabilización do sistema, mais tamén evidencia que este mesmo sistema non ofrece vías no seu interior para ser modificado ou reformado en sentido positivo. O actual réxime ofrece as mesmas respostas para quen o cuestione por vía pacífica que no seu día aplicou a quen o facía pola vía armada: criminalización, represión, cárcere e exilio.

O proceso catalán constata que neste momento histórico son os movementos soberanistas a principal ameaza e factor de desestabilización do sistema, mais tamén evidencia que este mesmo sistema non ofrece vías no seu interior para ser modificado ou reformado en sentido positivo.

Ante isto, a dialéctica entre réxime e ruptura preséntase mais evidente que nunca. O réxime leva xa varios anos atopando moitas dificultades para encontrar a estabilidade necesaria que lle permita enfrontar unha nova “transición” que manteña intocábeis os privilexios da oligarquía española durante outra xeración máis. Ante iso, a valente posición mantida hai 40 anos polo nacionalismo popular na Galiza -que non conseguiu impedir o triunfo da restauración borbónica, pero si acumular forzas e lexitimidade para os seu importante medre posterior- permítenos recoller tamén aprendizaxes que nos permitan enfrentar as batallas do futuro máis alá dos resultados do curto prazo.

É neste contexto que queremos trasladar unha reflexión estratéxica e táctica que nos axude a avanzar como movemento político no camiño desa ruptura que abra paso a procesos de emancipación nacional e social, corrixindo erros e deficiencias e tentando orientar, desde as nosas posicións no seo do movemento nacional e popular, unha estratexia de longo percorrido pero con rumo certo, principios claros e vocación de maiorías.

Unha folla de ruta para o nacionalismo do s. XXI

O soberanismo galego, e nomeadamente o BNG como a súa principal expresión político-electoral, avanzou recentemente na definición dos seus obxectivos estratéxicos e na clarificación en canto a unha liña política de ruptura democrática co réxime do 78, explicitada xa, cando menos formalmentente, de forma aberta e sen ambigüidades. Nun momento e nun contexto de fortes cantos de serea para embarcar en falidos proxectos de reforma de ámbito español, fomos quen de manter un proxecto soberanista autónomo e encamiñado á ruptura, coherente coa idea xa asumida de que este Estado non é reformábel. Isto implicou tamén un salto cualitativo frente a fases anteriores e situou ao BNG en disposición de sumar forzas no soberanismo cara o horizonte da República Galega.

Como dixemos, o desenvolvemento dos acontecementos en Cataluña non fixeron máis que confirmar non só a validade desta análise, senón a urxencia da súa posta en práctica con todas as consecuencias. Porén, malia aos avances producidos nas resolucións asembleares e en parte da mensaxe pública do BNG aínda non se verificou esta aposta pola ruptura democrática nunha folla de ruta clara, coherente e socialmente identificábel. Unha folla de ruta que, desde a práctica política do día a día, defina as urxencias e prioridades e a forma de avanzar non só na defensa dos dereitos e conquistas inmediatas, mais tamén no horizonte estratéxico da construción da República Galega, isto é, unha táctica e unha estratexia claras, e a forma en que se relacionan e articulan entre si.

Pola contra, frecuentemente dá a impresión de existir certa desconexión entre os obxectivos estratéxicos, invocados só retoricamente ou en ocasións especiais, e o discurso e a actividade do día día, que, moitas veces non é quen de mirar alén das cada vez máis complicadas reformas internas dun marco cada vez máis limitado e irreformábel. Por suposto, son necesarias as loitas concretas e inmediatas, e é imprescindíbel a defensa de conquistas e direitos parciais aquí e agora. Porén, será imposíbel avanzar na concienciación popular ou mesmo planificar a medio e longo prazo se non somos quen de vincular os problemas sociais co marco que os provoca e sostén, e sen articular as loitas do día a día cun horizonte político de ruptura.

Será imposíbel avanzar na concienciación popular ou mesmo planificar a medio e longo prazo se non somos quen de vincular os problemas sociais co marco que os provoca e sostén, e sen articular as loitas do día a día cun horizonte político de ruptura.

Isto implica entender e socializar a loita pola soberanía non só como unha batalla indentitaria e de defensa da nosa realidade nacional agredida, senón esencialmente como unha loita polo poder, que permita que o pobo galego sexa o único depositario dos seus destinos, abrindo camiño para implementar políticas realmente transformadoras e de avance na xustiza social.

Cremos que iniciativas lanzadas nos últimos anos, como as Bases Democráticas impulsadas polo BNG ou a Carta de Dereitos do Pobo Galego, elaborada pola Vía Galega, son ferramentas estratéxicas de grande valor que deberían ter un papel máis relevante e como referencia constante e permanente do accionar do movemento nacionalista.

Cómpre, pois, poñer proa cara ese horizonte de ruptura, con todas as consecuencias. Conscientes de que será un camiño longo, difícil e de acumulación de forzas en todos os frentes, fundamentado esencialmente na activación e na mobilización popular e no que as conquistas institucionais só poderán ser reflexo da correlación de forzas que consigamos socialmente. Conscientes, tamén, do papel que tanto nas loita presentes como sobretodo nos envites futuros terá que necesariamente xogar unha práctica de desobediencia ante o réxime, o sistema e as súas leis inxustas.

Compre ademais que esa folla ruta sexa capaz de articular o traballo institucional coa construción social, colocando ambos ao servizo do proxecto estratéxico.

Suxeito político e alianzas.

Para podermos avanzar neste camiño, é imprescindíbel delimitar cal é o suxeito político do proceso, a quen nos diriximos e con quen queremos contar.

Historicamente, o soberanismo galego definiuse como un proxecto amplo, frontista e de masas, que acolle e aspira a representar os intereses de todos aqueles sectores sociais obxectivamente interesados na liberación nacional. É en base a ese obxectivo e á prioridade que se dá, neste momento histórico, ao avance en chave soberanista, que forzas de diferente perfil e que aspiran a representar a diversas clases sociais (aínda que obviamente non a todas, como ás veces se pretendeu facer ver) coinciden como parte dun mesmo proxecto emancipador e de ruptura.

Partindo desta concepción, que consideramos esencialmente válida (e tendo en conta sempre a evolución na composición de clase do país), pensamos que o nacionalismo debe dirixirse, facer política e elaborar propostas prioritariamente para a inmensa maioría social deste país: as clases traballadoras e os sectores populares que serán os principais axentes do proceso.

A partir deses criterios, e sobretodo dos obxectivos políticos no marco dun programa e estratexia comúns, serán precisos todos os esforzos, toda a flexibilidade e toda a xenerosidade posíbel para poder sumar en todos os frentes ás forzas políticas e sociais con centro de acción no país e vontade de ruptura co réxime, así como a todas as activistas e militantes populares que se movan nestas coordenadas. Trátase de tecer unidades construídas no día a día e nas loitas conxuntas, en programas comúns e non en acordos cupulares.

O nacionalismo debe dirixirse, facer política e elaborar propostas prioritariamente para a inmensa maioría social deste país: as clases traballadoras e os sectores populares que serán os principais axentes do proceso.

O papel da organización política debe ser, trascendendo o puramente electoral, o de vincular entre si o activismo e a militancia sectorial, dotándoo dun proxecto abranxente que poda ser referencial para as diferentes loitas e o tecido social do país.

Xa aquén do estratéxico, é lóxico e ocasionalmente útil que existan acordos puntuais e concretos, tanto nas loitas sociais ou mesmo na xestión institucional, con outras forzas do campo da esquerda, mais sempre desde a delimitación clara con elas e os seus proxectos políticos diferenciados.

O anterior, porén, exclúe evidentemente o conxunto de forzas que, independentemente de como se definan, están abertamente identificadas co réxime español do 78, con quen non é posíbel nengún tipo de aliñamento nen colaboración estábel. Neste sentido, a clarificación do papel (histórico e presente) do PSOE é imprescindíbel para poder avanzar politicamente e non repetir erros do pasado. O feito de que en ocasións teñamos a responsabilidade de optar nas institucións por escoller o “mal menor” en ningún caso pode implicar o branqueamento do papel desa forza ou o aliñamento sistemático con ela en forma de gobernos conxuntos ou acordos de estabilidade.

En definitiva, cómpre superar definitivamente vicios e tentacións pasadas arrastradas dunha fase en que se tentou situar o nacionalismo popular galego como unha forza política plenamente homologábel ao resto de actores políticos que actúan no marco do réxime, cando o seu papel só pode e debe ser o de confrontar con eles.

Cómpre uperar definitivamente vicios e tentacións pasadas arrastradas dunha fase en que se tentou situar o nacionalismo popular galego como unha forza política plenamente homologábel ao resto de actores políticos que actúan no marco do réxime, cando o seu papel só pode e debe ser o de confrontar con eles.

Construír socialmente para avanzar sobre bases firmes

Unha das conclusións asumidas teoricamente pola maioría do movemento soberanista, pero aínda non suficientemente verificada, é e centralidade da acción social, do activismo de base desde fora das institucións, no proceso de construción nacional e transformación social social.

A actual debilidade do soberanismo constátase a nivel electoral, mais é fundamentalmente un problema de incidencia social entre o noso pobo que non se vai solucionar con campañas electorais, lideranzas mediáticas ou traballo só a curto prazo.

Para sermos consecuentes con isto, faise precisa unha mudanza completa das prioridades, das formas de traballar, da utilización dos recursos e da planificación xeral da acción política, que impida que a organización política se convirta nunha permanente maquinaria institucional e de campaña durante os interminábeis ciclos electorais. Se partimos da centralidade da activación popular no proceso de liberación nacional, é previso destinar esforzos e recursos para iso, detraéndoos do institucional.

Faise precisa unha mudanza completa das prioridades, das formas de traballar, da utilización dos recursos e da planificación xeral da acción política, que impida que a organización política se convirta nunha permanente maquinaria institucional e de campaña durante os interminábeis ciclos electorais.

Cómpre traballar para expandir a conciencia nacional, afortalar o tecido social e empoderar o pobo a todos os niveis. Debates e acordos como a da Estratexia Avanza Galiza aprobada polo BNG marcan camiños útiles que deberían ser postos en valor e implementados con urxencia.

É preciso o traballo, de forma planificada e eficiente, de todas as ferramentas coas que contamos: cómpre estender a incidencia, pluralidade e amplitude de iniciativas sociais como a Vía Galega, priorizando o seu fortalecemento e reforzando o compromiso con ela do movemento soberanista. Cómpre reforzar o sindicalismo nacionalista non só como instrumento de defensa e conquista de dereitos laborais e sociais, mais tambén como ferramenta central e imprescindíbel de construción nacional e contrapoder. Reforzar a autoorganización do feminismo galego contribuíndo a reforzar un espazo de loita que teña como horizonte de construción política o país.

Unha folla de ruta integral cara á soberania debe priorizar o reforzo de todos os proxectos culturais e de construción nacional como os Centros Sociais, as Sementes, os colectivos de defensa do territorio e todos aqueles que teñan como referente a autoorganización do pobo galego.

Nese camiño, respeitando a plena autonomía dos movementos sociais no seu ámbito, débese mellorar a coordenación entre as diversas organizacións sectoriais e, especialmente, entre as loitas que levan a cabo.

As institucións como panca de transformación e construción nacional

En consecuencia co dito anteriormente, pensamos que cómpre pór as institucións e o noso traballo nelas ao servizo da construción nacional e popular, e non á inversa. Para iso, o soberanismo galego debe avanzar en definir como encadrar correctamente o labor institucional no proceso de liberación nacional, de forma que permita non só facer unha boa xestión diaria e coherente co seu programa e principios, senón avanzar no horizonte estratéxico, crear consciencia e evidenciar os límites do sistema.

Ninguén pode negar a importancia de dispor de pancas institucionais que acompañen, potencien ou mesmo catalicen os procesos de mundanza social, pero pensar que ese espazo é o único, o central ou o prioritario da acción política é un erro que moitos proxectos transformadores pagaron ao longo da historia. Calquer acumulación de presenza ou forza institucional, por grande que esta sexa, non será capaz de implementar avanzos reais sen un respaldo popular consciente e organizado a nivel social.

Moitas experiencias de goberno do BNG ofrecen proxectos avanzados en relación ás políticas das forzas sistémicas, mais cómpre verificar maneiras de definir liñas comúns que doten de coherencia ao conxunto de experiencias en todo o país. O soberanismo debe gobernar cando sexa quen non só de implementar partes relevantes do seu programa, senón tamén de colocar o seu proxecto institucional ao servizo de avanzar na construción social e nacional. A participación institucional e os pactos de goberno teñen que responder non só ás necesidades inmediatas, mais tamén ás estratéxicas, e non poden entrar en contradición con estas.

Hoxe os límites da acción institucional son evidentes, e o propio sistema cada día impón máis por medio de novos mecanismos para restrinxir a marxe de manobra e as posibilidades de transformacións profundas. Porén, iso non ten que servir para autolimitarnos. Ao contrario, o labor nas institucións debe servir precisamente para evidenciar eses límites, conscienciando e mesmo desobedecendo as imposicións como vía de levar ao límite as contradicións do sistema, evitando a frustración e xerando conflito para politizar e clarificar cada vez máis sectores sociais. Evidenciar en todo momento e lugar que neste marco non é posíbel avanzar alén de certos límites é a mellor forma de sumar maiorías para superalo.

Tamén en canto aos límites obxectivos, a experiencia dos últimos anos na Europa (e nomeadamente o caso grego) evidencian que ningún exercicio de soberanía ou de política socialmente avanzada será posíbel sen entrar en confrontación coa Unión Europea e o resto de estruturas de dominación da oligarquía internacional. Asumir isto canto antes e sen ambigüidades é outra das urxencias do momento, non só para evitar novas frustracións, senón tamén para non deixar esa bandeira en mans de actores que a utilizan demagoxicamente para erguer proxectos reaccionarios.

En definitiva, o traballo institucional debe permitir avanzar todo o posíbel en políticas valentes e transformadoras, mais tamén en facer medrar a conciencia nacional e de esquerdas entre o pobo, e non simplemente adaptarse a un suposto sentido común desfavorábel e inmutábel.

Frente ás constantes apelacións das forzas do sistema a unha suposta necesidade de “estabilidade” ou “gobernabilidade”, o papel dos proxectos coma o noso só pode ser o de incomodar, desestabilizar e confrontar cun réxime e un sistema que só nos ofrece negación, miseria e explotación.

O traballo institucional debe permitir avanzar todo o posíbel en políticas valentes e transformadoras, mais tamén en facer medrar a conciencia nacional e de esquerdas entre o pobo, e non simplemente adaptarse a un suposto sentido común desfavorábel e inmutábel.

Sumar forzas e vontades para un proxecto de ruptura democrática

Frecuentemente, o que moitas veces se traslada desde a esquerda como “pragmatismo” ou “realismo” non é máis que unha renuncia consciente a transformar ou superar o existente. Sabemos que partimos dunha correlación de forzas desfavorábel, consecuencia de implacábeis procesos históricos mais tamén dos nosos propios erros e incapacidades, que cómpre analizar e superar. Porén, esta realidade non debe levarnos a considerar eterno este estado de cousas nin a subestimar o noso pobo, que ao longo da historia deu numerosos exemplos de estar á altura na defensa colectiva das súas necesidades sociais e nacionais.

Para podermos inclinar a balanza en favor dos intereses populares, pensamos que é preciso abordar e resolver os debates que aquí formulamos, para así definirmos colectivamente esa folla de ruta que nos encamiñe, con toda a firmeza e a flexibilidade necesarias, cara a unha mudanza substancial que trascenda a mera xestión do existente e as súas migallas. Farémolo desde unha firme convicción unitaria, entre todas as que nos sentimos parte deste proxecto de ruptura democrática, construíndo no día e encadrando as loitas concretas nese proxecto compartido que é máis necesario que nunca.

Para podermos inclinar a balanza en favor dos intereses populares, pensamos que é preciso abordar e resolver os debates que aquí formulamos, para así definirmos colectivamente esa folla de ruta que nos encamiñe, con toda a firmeza e a flexibilidade necesarias, cara a unha mudanza substancial que trascenda a mera xestión do existente e as súas migallas.

Esta é a nosa modesta achega, coherente con mais de 13 anos de percurso político intervindo no seo do soberanismo galego, aberta á interlocución coa súa base social e con vontade de dar pasos que nos permitan sumar máis forzas no camiño da República Galega.